Camilo Varela INSTALACIONES INDUSTRIALES

Presentación | Servicios | Obras realizadas |Normativa | Licitaciones| Actualidad | Contacto | Mapa del sitio

RECOMENDAR ESTE SITIO



 

Actualidad industrial

29 - 03 - 2008

 

A XUNTA DESTINA 825.000€ AO FOMENTO DA PROTECCIÓN DA PROPIEDADE INDUSTRIAL

Esta convocatoria recibiu en 2007 o recoñecemento da Comisión Europea como a mellor práctica nesta materia no ámbito estatal.

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vén de convocar no Diario Oficial de Galicia as axudas para o Fomento da Propiedade Industrial en Galicia por valor de 825.000 euros. O obxectivo da convocatoria é fomentar a protección da propiedade industrial en Galiza para garantir a plena explotación dos resultados das innovacións, sexan invencións técnicas, deseños industriais ou signos distintivos.

Estas subvencións destinaranse a atender os gastos derivados da tramitación de solicitudes de títulos de propiedade industrial e da súa renovación ante as oficinas autonómicas, estatais ou internacionais. Dentro da convocatoria de Fomento da Propiedade Industrial, existen tres liñas diferentes. A primeira delas é para a solicitude de calquera título de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos) e está destinada a subvencionar os trámites para a obtención de novos títulos de transformación ou da extensión territorial de títulos existentes. Os gastos subvencionables son os importes das taxas e os gastos de consultoría externa.

A segunda liña da convocatoria destínase ao mantemento de títulos de propiedade industrial correspondentes a invencións. A subvención contribuirá ao pago dos trámites de renovación e da posta en explotación de patentes e modelos de utilidade.

En terceiro lugar, as subvencións están destinadas tamén ás análises de rexistrabilidade de calquera título de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos). Considéranse gastos subvencionables os gastos de consultoría externa asociados á realización de buscas de antecedentes rexistrais ou informes de rexistrabilidade efectuados con carácter previo á solicitude de protección do título de que se trate, sempre que estes servizos sexan prestados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia.

 

Beneficiarios

Para calquera título de propiedade industrial poderán ser beneficiarios destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas con domicilio social ou algún centro produtivo en Galiza, sempre que os conceptos para os que solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos. Só para títulos de propiedade industrial de invencións, poderán ser beneficiarios as grandes empresas que teñan o seu domicilio social ou algún centro produtivo en Galiza; as persoas físicas empadroadas en Galiza e as institucións sen fin de lucro que teñan o seu domicilio social en Galiza.

As axudas asumen a forma de subvencións a fondo perdido e a súa contía será do 70% dos gastos subvencionables. Ademais, establécese 36.000 euros como cantidade máxima por beneficiario. As solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outra solicitudes até o esgotamento do crédito dispoñible. Para máis información e para acceder aos formularios, as persoas interesadas deben consultar a sección de Convocatorias da web da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría (http://www.conselleriaiei.org/dxidi/).

Recoñecemento como "A mellor práctica" do Estado

O sistema de axudas para o fomento da propiedade industrial da Consellaría de Innovación e Industria foi recoñecido en 2007 como a mellor práctica no ámbito estatal e unha das mellores 15 no ámbito europeo en materia de patentes, de propiedade industrial e Intelectual nun estudo encargado pola comisión Europea ao Instituto Austríaco de Investigación para as PEMEs.

Fuente: Xornal.com

 

 

 

 

 

 
 

Aviso legal

dmoz

Este sitio web está compuesto en su totalidad por electrones reciclados